Virxilio Vieitez Bértolo
non é un retratista en Soutelo, é O Retratista. Dúas xeracións e mesmo
nalgúns casos tres, gardan nas súas carteiras retratos que pon no seu pé
"Foto Vieitez".
Naceu no ano 1930 en Soutelo
de Montes. Comenzou a súa vida querendo ser mecánico, mais acabou facéndose
fotógrafo traballando no Pirineo Aragonés, na contrucción dos teleféricos de
Panticosa. Facía retratos dos seus compañeiros de traballo e despois vendíallelos.
En San Feliú de Grixols
aprende a técnica do revelado, e posteriormente, en Palamós empeza a traballar
profesionalmente como fotógrafo. Despois de volver á súa vila de Soutelo
por mor da enfermidade da súa nai, quen dixo del que era o golfo mais golfo
do lugar, ó voltar de fora cunha bicicleta pero sen un peso nos petos,
casou e estableceuse aquí, facéndose en pouco tempo coa clientela que tiñan
repartida entre outros fotógrafos que viñan das vilas cercanas. Viaxou por
toda a bisbarra a bordo da súa Lambreta, que faría famosa nalgúns
retratos, pero sobre todo por Cerdedo
e Soutelo,
facendo fotografías nas feiras, á saída das misas, e posteriormente
reportaxes en casamentos, comunions e bautizos. Traballou tamén para xornais
como corresponsal, e a primeiros dos anos sesenta leva a cabo unha tarefa que
hoxe compón un verdadeiro arquivo antropolóxico da comarca: os retratos para o
carné de identidade, que se fai obrigatorio e que o leva por todas as aldeas
retratando a todos, homes e mulleres, novos e vellos, ricos e pobres.

Virxilio sustituiu a
Lambreta por un Seat 600 e despois un 1500 que acabou sendo o coche das
noivas de toda a bisbarra, pois no só facía de fotógrafo senón tamén
de chofer. El cobrou cartos por cada fotografía, como é lóxico, pois ese era
o seu modo de vida, mais é importante subliñar o intento que fai de aportarlle
dignidade a unha xente coa que el mesmo non se sinte moi identificado. As súas
fotografías son máis documentos rexistrais dun feito (pasamento, voda, ou
mesmo a formalización dunha relación entre noivos cando é a primeira que fan
xuntos) ca fotos de estudio.
A súa técnica fotográfica
é cualificada de excelente por aqueles expertos que estudian o seu traballo, e
eso tendo en conta que nin siquera tiña auga corrente na casa e lavaba os
negativos na fonte da praza. Non traballa case nunca con fondos artificiais, senón
con exteriores, case sempre verdes vexetais, feitos ás veces na propia horta.
Atravesa diversas etapas ó longo da súa vida profesional, que son doadamente
diferenciables no fondo e na cara das fotografías. Pódense encontrar na súa
obra secuencias enteiras na que os suxetos están colocados diante dun
impresionante coche do correspondente emigrante americano do lugar, outras onde
o fondo é sempre o lugar, as rúas, as casas, ou sinxelamente un autobús; e
outras máis elaboradas con xardíns, ou chalé de D. Alfredo, que era a casa máis
luxosa do lugar, e que aparece noutra destas páxinas.

Virxilio era coñecido en
Soutelo, Cerdedo
e moitas aldeas dos arredores, pero non máis lonxe. Foi no veran do ano 1997
cando, xunto coa súa filla Keta, recolleu algunha desas fotografías que
gardaba na gabeta e preparou unha exposición durante as festas do San
Roque. Manuel Sendón e Xosé Luís Suarez, directores da Fotobienal de Vigo
descobren o retrato dunha "Muller con radio" que anuncia a exposición,
e despois de coñecer o impacto desta no público, diríxense a el e dedican o
tempo ó estudio dos negativos que, en copias de contacto, tiña
recollidos en latas das do pemento. Chegan a xuntar hasta 500 imaxes de especial
interese, das cales elexiron as cen que hoxe forman a exposición itinerante que
percorre España e Francia.
Ó longo da fotografía
de Virxilio recóllense retratos persoais en casamentos, bautizos, comunións,
matanzas e velorios; non en van era o retratista de toda a bisbarra. Aparte
desto hai outras imaxes que, mais que xente, retratan a forma de vida dun pobo.
Son imaxes sempre frontais, estáticas, como di Manuel Sendón, "con gran
naturalidade e sobre todo dignidade". Retratou xente pobre, mais nunca
retratou miseria.
En
dous anos, Virxilio pasou de ser un retratista xa retirado a ter a súa obra nos
museos de Francia. Expón na fotobienal de Vigo de 1998 e as fotografías chegan
á axencia Vu de París, despois de que o seu director Chistian Caujolle viñera a
Galicia e suspendera a mostra que tiña preparada para sustituila pola de
Virxilio, publícanse reportaxes nos diarios franceses "Le Monde" e "Liberation"
e no madrileño "El Pais", e o museo Niepce cómpralle
26 retratos. Hoxe é un persoeiro coñecido, e da súa obra dise que recorda os
traballos dos grandes da fotografía contemporánea: Walker Evans, Diana Arbus,
Richard Avedon ou August Sander, aínda que el nin siquera tiña oído falar
deles. Pódese dicir que é un autodidacta, traballou para comer en algo que tamén
lle gustaba.
Virxilio expuxo os seus
retratos en branco e negro feitos entre os anos 1955 e 1965 no Centro Cultural
da Caixa de Vigo, na sala do Canal de Isabel II en Madrid, e dentro de pouco
chegará a Coruña, dentro dunha mostra itinerante que críticos de importancia
cualifican como de grande interese, e que o público, como o autor destas páxinas
puido comprobar en Madrid, mira en moitos casos pasmado. A xente das cidades
galegas recorda a súa orixe na aldea, recoñécese nas imaxes, e míranse a si
mesmos corenta anos antes.



Na primeira imaxe que
aparece nesta páxina amósase unha das fotográfias máis coñecidas de
Virxilio, A "Muller con radio". Esta foi o cartel da exposición no
seu lugar, e a que alertou ós directores da Fotobienal de Vigo do seu traballo.
Tamén foi escollida para unha exposición conmemorativa da fotografía en España
xunto cos mellores fotógrafos do país, publicada polo diario El Mundo, e
mostrada ata nos telexornais. Deste retrato conta Virxilio que foi feito por
encargo para mandar a América como testemuña da compra da radio, xa que dende
alí lle tiñan mandado os familiares os cartos. A seguinte imaxe é un retrato
feito para unhas veciñas de Soutelo, e que publicou o diario El País xunto coa
información da súa exposición en Madrid. A terceira é un retrato do autor
desta páxina feito por Virxilio xa hai algúns anos. Por último mostranse tres
imaxes dun dos fotógrafos máis importantes deste século, August Sander,
que retratou a postguerra europea dun xeito especial. Pódese comprobar a
similitude das composicións frontais e con fondo sinxelo como o que se
aprecia nas de Virxilio.