- E
logo, ¿vos sodes bermellos?
-
Non señor, nós somos de Soutelo de Montes.
Esta
conversa real, tivo lugar no porto de Lisboa, entre un policía portugués e
Castor, o máis novo dos gaiteiros de Soutelo, cando estes, en plena loita civil
española voltaban de Europa. Define dunha forma moi exacta a maneira de ser da
xente desta terra. Unha xente educada no individualismo máis extremo, onde cada
un é fillo das súas obras, cunha independencia de pensamento impensable
noutros lugares de Galicia, pero moito menos fóra daquí.
O veciño
desta terra dificilmente formará parte de asociacións e poucas veces se define
politicamente (a propia loita civil, que aquí case non existiu, non deu lugar
ás xenreiras que duran aínda hoxe nos lugares de Castela, e poucos se lembran
de en que bando estaba cada veciño). Só na emigración hai un sentemento case
de familia entre os que aquí naceron, e que se topan lonxe da súa terra.
Nembargantes,
ou quizais por esto mesmo, a Terra de Montes é terra de xente sinxela, de
moito traballo, e ben se di que do traballo cotián poucos se fan ricos. Non hai
pois nesta terra grandes conquistadores, nin persoeiros tan importantes que teñan
cambiado a historia; hai, sen embargo, moitos homes e mulleres que si escribiron
unha ringleira, longa ou curta, na vida do seu pobo.
Se alguén
se fixa nos aquí citados, poderá comprobar que son casos sempre illados, menos
o gaiteiro, quen tiña mestres na súa familia e nin por eso deixaba de ser un
autodidacta; os outros son productos de si
mesmos, desa individualidade que nos caracteriza, nunca dunha escola.
Aquí non están todos os
que son, pero si son os que están. Cada un no seu, foron algo importante
na bisbarra ou fora dela. Nós, cando poidamos, iremos engadindo aqueles que
faltan ata ter un retrato de todos eles.