Avelino Cachafeiro
Bugallo naceu en Soutelo
de Montes o día 26 de Maio de 1899. Del contase que aprendeu os primeiros
rudimentos da gaita do seu avó Xan, gaiteiro da primeira metade do século XIX,
namentres nos seus adentros ía medrando a afección, tocando polas carballeiras
cando coidaba do gando, ata que seu pai, Fermín, gaiteiro coma o avó, de quen
se sabe que cobraba naquel tempo seis pesetas cada vez que tocaba nunha festa,
se da conta da arte do fillo e regálalle as súas gaitas para dedicarse dende
ese momento a tocar o bombo.
Avelino, un home alto,
roxo, de ollos azuis e de eterno sorriso, tiña un carácter moi forte, aínda
que un humor excelente. Formou o grupo de gaiteiros cos seus irmáns Castor
(gaita) e Bautista (Voz e caixa), o seu pai Fermín (bombo) e mais a tia Andrea
que algunhas veces se axuntaba a eles para tocar o pandeiro. No grupo Avelino
era o símbolo, o director, o compositor; nunha palabra, a alma do grupo.
Non eran só gaiteiros.
Nas súas actuacións tiñan baile, contaban chistes e sabían aledar as festas
de xeito extraordinario. De seguida comenzarían a ser coñecidos en toda a
comarca. Son "Os Gaiteiros de Soutelo".
Avelino é nomeado
gaiteiro da Sociedade Artística de Pontevedra, e con só 25 anos preséntase a
un concurso en Santiago onde se dirime quen é o mellor gaiteiro de Galicia. Un
concurso con parte literaria, onde se presentan xente coma Otero Pedraio,
Vicente Risco, Filgueira Valverde, e que o final ganaría Eladio Rodríguez González.

O día 10 de Agosto, na
praza da Quintana, presentouse Avelino con traxe enxebre, calzón curto,
monteira vermella e chaleque broslado. Quedaban nove gaiteiros, un deles o seu
irmán Castor de só 17 anos, despois da selección dos días anteriores. Tocou
a Alborada de Veiga e un pasacorredoiras, e foi nomeado o millor
gaiteiro de Galicia.
Castelao
relátao nunha fermosa crónica que se comenta en folla aparte, e dedícalle
unha caricatura que sempre acompañará ó gaiteiro e a súa terra, mentres que
Otero Pedraio o califacaba como "O grande e puro artista, por Castelao
abrazado en data solenne pro esprito como o máis rexo e armoño carballo do
bosque antigo".
Avelino cobrou naquel
tempo 150 pesetas do premio, ás que hai que sumar as do seu imán Castor que
foi terceiro.
Dende ese momento
convírtense nunha lenda. Gravan en Ourense, no ano 1928, seis discos que levan:
A Muiñeira de Chantada, A Alborada de Rosalía, A muiñeira de Pontesampaio,
Fandango de Pontevedra, Marcha do Corpus, Viva Barriño de Arén, Eicho de dar
queridiña, Foliada de Luxán, Foliada Rianxeira, Estroupele-Estroupele,
Farruquiña chaman a porta, a Muiñeira de Ourense e o pasacorredoira A volta da
festa. O 28 de Febreiro de 1930 preséntanse no Teatro Avenida de Bos Aires, un
dos "Templos artísticos" da época, con decorados de Castelao e
Camilo Díaz, tendo que prolongar máis dun mes a súa actuación, dado o éxito
obtido.
En pouco tempo mandan
para a súa casa 20.000 pts, ¡no ano trinta!. Pasan por Córdoba e
Rosario, na Arxentina, e dende alí a Montevideo, Río de Xaneiro e outras
cidades.
Mentras esto pasa na América,
en Galicia a xeración "Nos", a máis importante xeración
literaria galega do século, tómaos como a bandeira da Galicia eterna e fai
deles, en particular de Avelino, uns mitos.
De volta a España, o
destino vira. Bautista morre no ano 1933, e a Guerra Civil sorpréndeos tocando
en Barcelona, en territorio republicano, mentres Galicia quedaba no nacional.
Son trasladados a Madrid pola Cultural Obreira para dar ánimos ás tropas que
alí loitaban, e cando se dirixían a Berlín para tocar nos Xogos Olímpicos,
deciden voltar á casa por Lisboa. Aquí acaba a historia dos gaiteiros como
tales, posto que as circunstancias políticas primeiro, e persoais despois así
o quixeron. Castor emigrou a Venezuela onde continuou formando gaiteiros, pero
Avelino, romántico irredento, perdeu o único fillo namais nacer e a súa dona
enfermou gravemente. A gaita permaneceu calada para sempre.
Nunca máis tocou en público,
nin case en privado, e esto fixo medrar aínda máis a súa lenda. Dedicou o seu
xenio á poesía, á pintura e á súa faceta empresarial. Anos máis tarde
publicou o libro de poemas "Voando cas aas da vida", ó que puxo prólogo
Ramón Otero Pedraio, e que, sen grandes alardes de técnica nas súas rimas,
retratan os sentementos dun home e dunha terra como no poden facer mil verbas
por outro escritas.
A súa pintura mostra
unha técnica que da mesma maneira que a súa música é autodidacta. Ten moitos
cadros, pero a maioría foron doados ós seus amigos e hoxe non son sinxelos de
achar. "A fiandeira", "O San Antoniño de Cerdedo",
"Cruceiro da Consalación", "Cesto de foita" e un
autorretrato son cadros que se conservan. Outros como un mural que había no
vello Changüí desapareceu nunhas obras. Queda tamén o relieve do bar actual,
co título do seu libro "Voando ca aas da vida".
Pasaron os anos pero
Avelino seguiu sendo, sen dúbida o persoeiro máis coñecido de Soutelo e de
toda a Terra de Montes. Estaba presente en todas as festas, como invitado ou
como cantor de misas en latín,ata que un accidente de autobús no alto do Paraño
deu con el seis meses no hospital. Este tempo sería o que fixo despertar nel a
vea literaria.
No altiño
do Paraño,
morrendo,
ouvín soaren gaitas.
¡Anxeliños
non caledes!
deixaime
dormir as anchas,
chegou
a morte e por min
rezaron
todas as Antas.
Avelino
Cachafeiro
Nos anos cincuenta
abriu en Soutelo unha sala de festas, O Changüí, que logo foi coñecida en
toda a bisbarra. Convirteuna tamén en sala de cine, dunhas dimensións únicas
nesta terra. Nela, os días de feira e outros sinalados, pasáronse películas
ata ben avanzados os anos sesenta. Rexentou persoalmente un surtidor de gasolina
da CAMPSA, un dos máis vellos de España, o que lle permitiu relacionarse con
todo canto viaxeiro pasaba po la estrada, co a ledicia dos clientes de seren
servidos direitamente por el, xa que seguía a ser un home moi popular en toda
Galicia. Tamén tiña unha pequena funeraria e o bar do Changüí, no cal aínda
se pode ver un autorretrato en pedra co título do seu libro de poesía, Voando
cas aas da vida.
No frente da súa casa
paraba o autobus que facía a linea de Ourense a Pontevedra, e os viaxeiros
baixaban ó bar ou xuntábanse alí para esperar a chegada. Non hai un vello
conductor ou revisor desa linea que non lembre a súa hospitalidade, ou que non
recorde cear e dormir algunha vez na súa casa cando algún problema na estrada
tiña acaecido.
Avelino morreu o 13 de
Abril de 1972, na súa casa de Soutelo. Foi un dos enterros máis
multitudinarios que se recorda nesta terra.
Da influencia do Gaiteiro
de Soutelo na posterioridade dá unha idea o feito de que a editorial SONS
GALICIA lle deu o seu nome a unha colección dedicada á música tradicional
galega, asi como que o primeiro número dela garde aquelas cancións gravadas en
Ourense no ano 1928.
Carlos Nuñez, o gaiteiro
con máis sona da actualidade, defineuse como herdeiro de Avelino, e na
presentación do seu disco "Os amores libres", interpretou a Muiñeira
de Chantada en homenaxe ó "Máis grande de todos nos". Defíneo
como "O gaiteiro ponte entre a perdida gaita galega e a moderna gaita
refinada, tendente ó sistema temperado que hoxe coñecemos".

Portada do disco recopilatorio
do traballo dos gaiteiros de Soutelo
A influencia musical foi
determinante na súa familia. O Changüí durou como sala de baile primeiro e
como discoteca despois ata finais dos anos oitenta. Os seus sobriños formaron
grupos musicais de certa fama (Montes, Flash, etc.) e un deles, Avelino Alberte,
acordeonista e mestre de gaiteiros acaba de gravar un disco con Moncho, fillo
doutro dos grandes da gaita nesta terra, O Gaiteiro de Sorribas. Son "Os
diplomáticos do acordeón".
Déixanos tamén o legado
dos seus poemas, algúns deles serven nestas páxinas para describir algo para o
que eu non teño palabras. Pouco antes de morrer afirmaba: "O que
non se pode é esquencer a nosa ialma, a nosa máis pura manifestazón; e o que
da door e notar como, pouco a pouco, a gaitiña vai morrendo. Cando en galiza a
gaitiña seña como a zanfona é agora, nós xa non seremos galegos. Seremos
fillos sin nai, seremos... ou millor dito, xa non seremos ... ¿Que e un corpo
sin ialma?".
¡Que pouco podía
imaxinar a situación actual!. Carlos Nuñez, Cristina Pato, Hevia, etc. nas
listas de ventas de toda España, pero sobre todo recintos cheos cando se oe
unha gaita en calquer sitio de España e de fóra.
O pobo de Soutelo
dedicoulle a súa mellor praza, co monumento que os recorda, e o Concello de
Forcarei ven de reeditar unha edición facsimile da biografía que alá polo ano
1977 escrebira Xosé Manoel Rivas Troitiño.
¡Ben o merecían!.
Cando
saibas que morrín,
gaitiña,
miña gaitiña,
desperta a
miña alborada
que toco
pra Rosalía ...
Que dorme
no teu punteiro
cos meus
dedos tapadiña.
Voando co
as aas da vida
Avelino Cahafeiro (1969)