Alá
po lo mes de Xullo do ano 1924 Castelao veraneaba en Soutelo.
O 25, día de Galicia, unha festa prohibida por aquel tempo po lo dictador Primo
de Rivera, o Gaiteiro ganaba o tradicional certame de gaita de Compostela, o que
lle otorgaba aos seus vintecinco anos o título de "mellor gaiteiro de
Galicia", amais de ser un dos premios mellor doutados en cartos da época.
Cando Avelino volve a
casa, Castelao está presente na celebración familiar e asinou en Soutelo un
artigo conmemorativo do trunfo, cunha caricatura que se fai célebre co tempo. O
artigo ten por título "O GAITEIRO DE SOUTELO" e reza:
Namentres acolá
en baixo rebulen as xentes con acontecementos inventados polos homes eiquí na
montaña as xentes siguen rebulindo cos acontecementos da Natureza. Un día de
choiva fai falar máis que un troque de réximen político.
No concurso de
gaitas de Santiago presentábase o gaiteiro de Soutelo y este acontecemento
extraordinario preocupou as xentes como se fose un acontecimento da natureza. E
falábase moito e facíanse pronósticos.
- Hoxe é o día
y-o gaiteiro baixou onte xa.
Un feireante
duvidou do trunfo, quizais porque alá nos seus tempos escoitou a Ventosela... E
as xentes descorazoadas prepararon o esprito pra recibi-la nova d'unha
inxusticia.
- Os premios
danse por empeños e o gaiteiro non-os ten.
O día rendeu
moito e todos tiñamos un concurso de gaitas nos miolos. ¡Que regalía dos
ollos se pudésemos destapa-las cacholas de toda ista xente! porque compre non
esquecer que os máis orixinais decorados críanse na maxinación do pobo aldeán.
- ¿E si Avelino
se corta? Mirai que tocar alí non vos é o mesmo que tocar en Soutelo.
E no serán do
seguinte día velahí ven Avelino cos seus irmáns -todos vestidos o xeito
enxebre- tocando unha muiñeira que lle erguía o rabo ó mesmo canciño de San
Roque. O pai do gaiteiro, na porta da casa botou un foguete.
Avelino gañara o
primeiro premio.
- Ben-o decíamos:
non hay quen poida co gaiteiro de Soutelo.
E as xentes da
montaña alentaron con fachenda. Eu entrei con todos na casa do gaiteiro e sentín
que tamén me tocaba parte do trunfo porque o arrufío da emoción corríame
polas costas. O pai, a nai e o irmán, dende'a sorrisa dos seus beizos, dixeron
a unha:
- Contade.
Y-o irmán
paqueno contou:
-Eu tamén gañei
o terceiro premio. Deixáronme tocar e toquei. ¡Se vise, meu pai, que ben me
saiu a alborada!
-Pois ganaches un
traxe, rapaz.
Aquela noite
escoitei dende'a cama como as mozas cantaban
Toca
gaiteiriño toca,
meniñas,
correi a vel-o
qu'é
moita gaita a gaitiña
do
gaiteiro de Soutelo.
Artigo e
caricatura publicáronse na portada do diario Galicia o domingo 10 de Agosto de
1.924.