Xosé Luís Barreiro
Rivas é o político
máis coñecido desta Terra. Quizais debese dicir que o era, pois hoxe está
dedicado a outras tarefas. Foi Conselleiro de Presidencia e, máis tarde, Vicepresidente da Xunta de Galicia en dous
gobernos distintos, empezando co primeiro presidente Autonómico, Xerardo Fernández
Albor, e pasando logo a selo co socialista Gonzalez Laxe.
É un dos exemplos de
"transfuguismo" que se adoita por na política española. Fíxose moi
coñecido polo "golpe autonómico" que protagonizou contra o goberno
do presidente F. Albor, (goberno do que fora cabeza pensante) forzando a dimisión
de todos os conselleiros. O posicionamento de D. Manuel Fraga, naquela altura
presidente do partido Alianza Popular, no que militaba Barreiro, fixo que moitos
dos conselleiros que nun principio o apoiaron, deixasen de facelo, e quedou en
minoría. Cos seus correlixionarios arrimouse a un novo partido, Coalición
Galega, co que apoiou unha moción de censura do PSOE contra o presidente, e
pasou a ser vicepresidente no novo goberno.
En certa maneira como
desquite polo anterior, foi denunciado, procesado e condenado coa inhabilitación
para ocupar cargo público durante varios anos por un delicto de corrupción non
demasiado importante. Esto acabou de feito coa súa carreira política.
Barreiro, sendo
universitario en Madrid, tivo problemas co Tribunal de Orde Público cara o fin
da dictadura, segúndo este pola súa ideoloxía "Marxista-Leninista".
Home de profunda formación
humanística, hoxe, ademais do seu traballo como profesor de universidade, fai
comentarios políticos en prensa e radio. Colabora cada ano coa revista cultural
Cotaredo do concello de Forcarei
e con cantas publicacións se refiran a súa terra, mostrandose, non só como un
excelente escritor, senón tamén como un fondo coñecedor da vida e dos
pensamentos dos veciños das aldeas desta bisbarra.
Recentemente acadou o
premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2003, convocado pola editorial Galaxia e
patrocinio de Unión Fenosa, coa obra "A Terra quere pobo", onde
propón outra maneira de pensar Galicia.