A Terra de Montes está
situada na parte máis montañosa das provincias de Pontevedra e Ourense, case
no medio e medio de Galicia. Definir os seus lindes non é tarefa sinxela. Para
case todo o mundo comprende os concellos pontevedreses de Forcarei
e Cerdedo, cun cento de aldeas e vilas que forman cada
un deles, xunto co concello ourensán de Beariz, de
semellante xeografía e maneira de vida. Tamén algúns lugares da Estrada (Sabucedo),
Cotobade (Caroi), Irixo ou Campo Lameiro poden considerarse da Terra de Montes.
No ano 1.115, segundo
publica Xesús Antonio Gulías no libro "Beariz de Montes", a raíña
Dona Urraca escribe ó arcebispo Xelmirez concedéndolle as terras "ata o
Avia". Sería pois este río o que delimitaría a Terra de Montes pola
provincia de Ourense. Outros autores, como Vicente Risco non comparten esta
definición; nin sequera se pon de acordo sobre cales son en realidade as fontes
do Avia.
Por se fora pouco, a
Xunta de Galicia inventou o que chaman a comarca de "Tabeirós-Terra de
Montes", que non é máis cá xuntaza dos dous concellos pontevedreses co
da Estrada. Esta xuntanza pouco natural obedece máis a "cousas da política"
que a unha realidade social, e obriga ós paisanos a viaxar á vila da Estrada,
con moito a máis importante da zona, para calquera servicio dos chamados "comarcais".
A orografía desta terra
vén dada pola súa situación nas beiras da chamada Dorsal Galega, cos montes
do Seixo, O Testeiro, Candán, etc. Este conxunto, no que se chega a alturas de
900 e 1000 metros, actúa de divisoria de augas entre as cuncas do Avia, cara ó
sur, do Deza cara ó leste, e do Lérez, que recolle a maior parte, caria ó poñente.
Tamén nace aquí o Umia, anque deseguida deixa a bisbarra para adentrarse nas
terras da Estrada.
No outo
do cerne Candán
deitan
as fontes do Lérez:
no
baixo, o pé do regato
sorrí
a Santiña de Montes
nun
convento destellado.
Avelino
Cachafeiro
O Clima da Terra de
Montes é chuvioso, debido a que os seus vales abren cara ó Sur-Oeste, dando
precipitacións da orde dos 1800 mm. anuais, que aumentan ata os 2000 mm. a
medida que imos ascendendo, ó tempo que se enfria e aumentan as xeadas.
A vexetación está
composta de piñeiros e eucaliptos, especies non autóctonas, pero das que se
fixeron importantes repoboacións forestais, en moitos casos desfeitas polo lume.
Na parte alta abunda o carballo e o bidueiro, moito máis resistentes ós
incendios e ó clima difícil, mentras que nas serras é o monte baixo o que
serve de pasto para o gando, tanto ceibe (cabalos e vacas) coma doméstico.
Na Terra de Montes hai
catro núcleos de poboación importantes, que coinciden coas capitais dos tres
concellos. A eles hai que sumarlles Soutelo de Montes,
que é considerado por moitos como a capital da bisbarra, que ten a grande
ventaxe, xunto con Cerdedo, de estar na estrada N-541, verdadeiro eixo das
comunicacións da zona. O resto da poboación atópase dispersa en centos de
aldeas distantes ás veces menos de un kilómetro, o que fai difícil a
comunicación entre elas