¿Valía
a Pena?
O pasado día 19 de
Agosto cumpríanse tres anos desde que estas páxinas estan a disposición
de quen as queira ver. O que comenzou sendo algo parecido a un xogo vai
perdurando no tempo e sigue aumentando cada día o seu contido.
Pero,
¿interésalle a alguén este contido?. O autor pode coñecer o número
de visitantes, pero non si o fan só porque lles apareceu como resultado
dunha busca en internet, porque queren informarse sobre unha cousa xenérica
ou porque realmente queren algo da Terra de Montes. Amáis desto,
para os que si buscaban esa información, ¿valeulles de algo?, ¿gustoule
como aquí se presentaba?. É a pregunta que sempre me fixen para decidir
si seguía actualizando os contidos e buscando novas ou deixaba de facelo
e aforraba o traballo.
Este vran pasei,
como todolos anos, a maior parte das miñas vacacións na Terra de Montes,
precisamente cando a maior parte da xente emigrante volta á casa.
Percateime de que casi todolos que me saudaban falábanme da páxina, e
canto máis lonxe era o país no que estaban, máis parecían aprecialo.
Pero a resposta á miña pregunta tivena cando unha muller me contou que
súa nai, unha muller de máis de oitenta anos que convive con eles en
Francia, caíanlle as vagullas cando os netos lle mostraron as
fotografías do lugar, e desde aquel momento quere volver a ver cada pouco
a súa Terra, á que xa poucas veces pode voltar.
Pensei na morriña
que pasamos (eu tamén me considero un emigrante) os que nacemos aquí e
vivimos lonxe, e imaxineimos buscando en Internet, quezais naquel
ordenador que acaban de mercarlle ó fillo e ó que eles nunca lle viron
moita utilidade, verbas como "soutelo", "trasdomonte",
"quireza", etc. para saber si nese novo mundo o seu lugar tamén
tiña un recuncho. Este pensamento é bastante para compensar o traballo
destes tres anos e dos que virán, para agradecer aínda máis ós que
colaboran conmigo mandandome cousas e ós que só entran de cando en vez
e, moito máis si cabe, aqueles que entran casi a diario desde os U.S.A.,
desde Venezuela ou desde a Arxentina buscando algo novo que ver, algo que
lle recorde a súa terra, a súa xente.
Dentro de tres anos
volverei a botar unha ollada atras para ver si esto sigue valendolle á
alguén, e casi seguro que a resposta seguirá sendo a misma.
M. C.