¡Un traballo, Por favor ... !
Antes de chegar a democracia a España os
presupostos dos concellos eran pequenos e os poucos cartos que había servían para
pagar as nóminas dos funcionarios ou para enriquecer ós máis listos, pero non eran
estas as entidades encargadas de promover o investimento nin velar polo emprego. Coa
descentralización da administración, os cartos chegaron á caixa pero a maior
parte das corporacións preferiron a mellora das condicións de vida dos seus
cidadáns antes de pensar decididamente no seu futuro. A pesar de que as nosas carreteras melloraron, a saúde estaba
relativamente ben atendida e os servicios achegáronse ós lugares máis
lonxanos, en Galicia e sobre
todo nas aldeas, a poboación envelleceu dunha maneira inimaxinable. Parece que ninguén se decataba, ou si se decataba pensou que
debían ser outros os que o solucionasen, de que os nosos xoves non
podían vivir da misma terra da que tampouco foron capaces de vivir os seus pais, pero que tampouco pensaban seguir emigrando sós, marchando o home e
deixando aquí a muller e os nenos. Así que este xeito de sociedade só podía ser unha
sociedade de vellos, que dependen dunha pensión de xuvilación e poden vivir
ben si disfrutan dela, pero nunca unha sociedade moderna e con futuro. Unha
sociedade así vai dereita ó cadaleito, dourado, pero cadaleito ó fin e o
cabo.
Dún tempo a esta parte parece que os nosos
alcaldes empezan a darse conta do problema e de que ten ferramentas para
atallalo, seguramente porque ven como o censo do seu concello quédase na mitade
en poucos anos e de pouco valen as moitas obras que se levaron a cabo (moi
rentables electoralmente, por outra banda) si non son capaces de parar este
proceso. Empezan a verse nos presupostos partidas para talleres de emprego, para
a formación de certos sectores marxinales e, o que é máis importante, para a construcción
de polígonos industriais (Cerdedo, Cachafeiro, etc.) e facilidades ou axudas ás
empresas que se establecen neles. Márcanse plans específicos en
colaboración con outras administracións (Plan PRODER, ou Plan Leader na Terra
de Montes) e con esto despertan unha iniciativa privada que estaba durmindo ou
emigrada desde hai moitos anos.
Un dato: no concello de Forcarei traballase
para que unha importante empresa poida establecerse cerca de Vilapouca, e
contase que dé traballo a dez persóas. Nunha terra coma esta, onde aínda se
pode vivir con un soldo e a axuda dalgunha leira que se semente, eso supón que
casi dez familias non teñan que sair fora, máis de trinta persoas comprando
nas tendas cada día e perto de quince nenos na escola. Os que saben que moitos
dos colexios da bisbarra están a punto de desaparecer por falta de nenos saben
o que supón todo esto.
Poida que sexa moi tarde para evitar que
algúns dos nosos lugares acaben abandoados polos derradeiros vellos que hoxe os
habitan, pero quizais aínda non o sexan para que os máis importantes (Soutelo,
Forcarei, Cerdedo ou Beariz) poidan conservar ós seus xoves e, ó longo, parar
esta sangría de xente. O cambio xeneracional que vai ocurrindo na nosa clase
dirixente facilita este cambio de mentalidade, e si se consigue que moitos dos
investimentos privados dos nosos que foron parar a Vigo ou Pontevedra queden
aqui teremos acadado a metade da tarefa.