|
|
||
|
Como xa se dixo nunha páxina
anterior, a historia da Terra de Montes neste milenio ven marcada pola presencia
do mosteiro de Aciveiro. O que foi Compostela para
Galicia, foi Aciveiro para esta bisbarra. Antes deso consérvanse
documentos escritos que a vencellan coa sede de Iria Flavia dende o ano 569,
reinando o suevo Miro. Outras fontes sitúan esta relación de pertenza no ano
874, cando, segundo Frai Gerónimo Román, Montes foi doado polo rei Alfonso III
á sede iriense. Anos máis tarde, ala polo 1.110, a raíña Dona Urraca doou (ou
máis ben perdeu) a bisbarra ó arcebispo Xelmirez e esta pasou a depender
de Compostela. Nestas datas, o centro administrativo era a torre-fortaleza do Castro de Montes, sita en San Miguel de Presqueiras, nunha especie de península que é circundada polo río do Castro, e que lle dá unha situación xeográfica e defensiva priviliexiada. Dende esta torre, os Xuíces-Meriños gobernaban e percibían as rendas dos campesiños para o Arcebispado e para a Coroa, de tal xeito que eran, xunto cos mosteiros, os verdadeiros donos absolutos da comarca. Suero froilaz foi o primeiro xuiz que ocupou esta fortaleza, que entre os anos 1467 e 1476, no transcurso da revolta Irmandiña, foi derrubada, e os Xuíces-Meriños trasladaron a residencia a Soutelo de Montes, onde estarían asentados ata a súa desaparición no ano 1811, cando se aboliron todas as xurisdicións especiais. Neste tempo, o enfrontamento entre os Xuíces e o Convento de Aciveiro foi constante, tratando de manter cada un os privilexios, rendas e foros propios. O Mosteiro de Aciveiro foi construido no século XII (Na igrexa aínda se conserva a inscrición coa data de fundación, o catro de febreiro de 1135) po los monxes benedictinos, e reformado polos cistercienses tres décadas máis tarde. Sufriu un incendio no século XVII e foi ocupado polas tropas de Napoleón no 1809. É un dos tesouros da arquitectura galega. O seu estilo corresponde coa estética cisterciense, con fachada sinxela, porta de arco semicircular, igrexa de planta basilical de tres naves e tres ábsidas das que chama a atención a ornamentación da central, de forma poligonal, con canzorros baixo a cornixa, caraveis nos espacios ocos e fiestras con capiteis historiados. Do convento só se conservaban, hasta a súa reconstrucción, os muros que lindan coas ábsidas, mentras que do templo, hoxe igrexa parroquial, dun estilo austero, barroco popular, destaca o retablo, obra de Miguel de Romay. O Mosteiro converteuse
de feito no centro cultural, relixioso e tamén económico da bisbarra. Os
frades eran na realidade os donos da terra, e os paisanos que a traballaban debían
pagarlles unha parte do froito recollido cada ano. Dende a fundación, ata a súa
extinción no ano 1835 pasaron xusto 700 anos que levaron a zona a un apoxeo
demográfico, cultural e económico sen parangón na historia desta terra.
Chegou a ter ata 106 frades dende os doce que se nomean na súa fundación, e os
seus bens non se quedaban nesta bisbarra senón que chegaban a León, Zamora,
etc.
Da importancia económica da bisbarra fala a evolución da súa poboación. A comenzos do século XVII, a Terra de Montes tiña 4117 habitantes, mentras que en 1797 eran 11700, o que equivale a triplicar a poboación en dous seculos escasos. Aparte do concernente ó Mosteiro de Aciveiro, tense constancia de que entre os séculos XV e XVII, os veciños de Montes tiveron que manter o exército que loitaba nas guerras con Portugal, entregando reses, forraxe, froita e xuntas de bois para o seu transporte. Durante a guerra da independencia, entre os meses de febreiro e abril do ano 1909, tiveron lugar fortes enfretamentos entre a xente de Montes, comandados polo primeiro alcalde de Forcarei, Don Alonso Soto Cortés e Varela Vahamonde, cos invasores franceses. Entre os días 29 e 30 de Abril daquel ano foron executados no atrio da igrexa de Forcarei máis de 200 campesiños. Don Alonso Soto Cortés foi, ademais do primeiro alcalde de Forcarei, o último dos Xuíces-Meriños, xa que pouco despois as Cortes de Cadiz remodelaron a división de Galicia, separando este concello en dous: un deles con sé en Dúas Igrexas e o outro en Soutelo de Montes. No ano 1833 os dous concellos volven a xuntarse e a sé retorna a Forcarei en prexuízo de Soutelo, que tiña, e aínda ten, máis poboación. En 1835, coa desamortización de Mendizabal, comenzou a lenta agonía do mosteiro, primeiro como centro económico e posteriormente de xeito xeral. No arranque do século XX nacen nesta zona as primeiras sociedades obreiras da provincia, debido ó gran número de gremios que existían: cereiros, canteiros, arrieiros, ferreiros, etc., que se xuntan e forman unha federación , cun órgano de divulgación que foi o xornal "Acción Social", que sería pechado despois pola dictadura de Primo de Rivera. En 1955 o concello de Beariz, que xa deixara de pertencer á bisbarra de xeito administrativo e político, deixa tamén de ser do arciprestado de Montes, rompendo a unidade comarcal, aínda que non a social, xa que a xente non se desvencella nunca, máis ó contrario, está aumentando os lazos que os xonguen. |
|
|
|
Modificada por
derradeira vez o 30/12/2004
|
|