A historia da Terra de
Montes é a historia do convento de Aciveiro.
A partir deste enclave relixioso, ou como consecuencia del, tivo lugar a maior
parte do desenvolvemento da bisbarra no último milenio. Esta realidade non
significa que non existan outras antigas culturas coma a chamada "Megalítica"
ou Cultura das Mámoas, da que se conservan vestixios en case todas as
parroquias, a Cultura Castrexa, de orixe celta, que florece na segunda metade da
Idade do Ferro, e que nos deixou varias mostras ó longo do territorio; e outra,
da época romana e posterior, da que tamén nos queda aínda en pé algunha
torre como as de Presqueiras
ou Castrelo.
A Terra de Montes nace
como a maioría das comarcas tradicionáis galegas cando a división territorial
sueva, reinando o rei Teodomiro. Nesta época, Galicia queda dividida en trece
sedes, que á súa vez se dividen en diócesis, semellantes ás actuais
comarcas. No ano 1135 fúndase o Mosteiro de Aciveiro que levaría a bisbarra a
un cumio social, económico e cultural descoñecido para aqueles tempos.
Aquí dividimos esta
historia en dúas partes: a primeira (Prehistoria), da que só se conservan restos, anque algúns
deles documentados, e que chega ata o século XI; e a segunda, cunha constancia
escrita máis importante, que vai dende o medievo ata
hoxe.
É preciso subliñar que
as diferentes culturas atópanse xunguidas por unha corda común: a
relixiosidade, e por encima de todo un certo culto á morte que aínda hoxe é
recoñecible na nosa xente. Dende as mámoas (monumentos funerarios) pasando
polos mosteiros da Idade Media ata chegar a moitas das peculiaridades locais do
cristianismo, toda a historia galega, e por ende a da Terra de Montes, xira ó
redor da relixión