Trasdomonte
non é un lugar, son cinco. Os Codesás, A Graña, San Xusto, Ventosela e
Ameixeiras, ó que todos lle chaman O Vadeolo. Forman parte do concello de Forcarei,
dentro da parroquia da Madalena, pero a distancia e
as montañas fan que teñan unha identidade propia.
Aínda
que forman unha das dúas zonas protexidas do concello (Xunto coa da Lagoa
Sacra), non son enclaves que teñan un apartado nesta páxina pola súa
importancia económica, nin paisaxística, nin sequera histórica. Están aquí
sobre todo porque conforman o recanto onde naceu o autor.
Estas cinco
aldeas forman case unha soa unidade: tiveron unha escola cando había nenos, teñen
unha capela para todos, onde o cura da Madalena lles
vén decir misa cada domingo, e teñen os mesmos problemas. Xente moi vella,
falta de nenos, e ninguén que poida traballar.
O nome de
Trasdomonte ten unha orixe que non levanta ningunha discusión. Dende
calquera outro sitio do que se mire sempre aparecerá un monte no medio. Todos
os lugares están asentados n torno ó val que forma o río que alí nace, e que
vai parar ó Deza, e deste ó Ulla. Arredor destes pobos están os cumios máis
altos da bisbarra, Coco, O Castillo, O alto da Ruza...; todos andan polos mil
metros de altitude. A pesca e a caza son hoxe dúas boas razóns para visitar
Trasdomonte. De paso poderá ver algúnhas paraxes descoñecidas, como a
fervenza da Freixa, no lugar da Graña, que se mostra nunha imaxe contigua, e
que sorprendrá a moitos po la súa beleza; ou unha vista verdadeiramente
impresionante dende os altos de Coco ou do Castillo, que abrangue toda a
bisbarra e parte da de Deza.
Ó longo do
río que forma o val de trasdomonte, o camiñante pode atopar infinidade de muíños,
aínda en funcionamento, no que os paisanos moían o centeo e o trigo para facer
o pan. Cada casa ten o seu forno, e ata hai pouco tempo todo o pan que se consumía
era cocido neles.
Os muíños
teñen repartido o tempo de traballo entre as distintas familias, e algúns
deles dedicábanse á "maquía", moer para veciños doutros lugares
cobrando unha parte do gran moído.
Nas orixes d
Trasdomonte está, como non, o mosteiro de Aciveiro.
No documento que se mostra noutra páxina, o abade do convento "prestalle"
algunhas terras a certas familias para que as traballen, e ponlles unhas condicións,
tanto en canto a impostos, como as posibilidades de vendelas.

Na Zona de
Trasdomonte non se conservan restos importantes arqueolóxicos, e da primeira
capela, dedicada ós santos Xusto e Pastor, e que dou nome ó lugar en que
estaba contruída (San Xusto), non quedan máis ca unhas leiras que se seguen
chamando así, A Capilla. A actual está no lugar dos Codesás, e data
do século XIX. Foi tamén remodelada de xeito ben pouco afortunado alá po lo
ano 1972. Hoxe só conserva a espadana do campanario e, sobre todo, o retablo,
que prov,en do mosteiro de Oseira, cando este foi abandoado po la súa
congregación.
Os
lugares de Trasdomonte non son, malia o seu illamento, dos máis atrasados da
bisbarra. Neles hai luz eléctrica dende hai moitos anos, xa que na Graña
construíuse a primeiros deste século unha central hidroélectrica, hoxe
abandonada, pero da que se conserva o encoro. Tamén tiveron escola propia,
correo, etc. dende hai moitos anos, e a emigración, que tanto dano fixo,
aportou neste caso cartos para poder vivir e un coñecemento do mundo ós que saían
que non se deron noutras zonas.
Nas imaxes pódese
ver un hórreo do ano 1914 no lugar dos Codesás, o interior dun muiño de auga
no río, onde se aprecia o aparello de gradación da entrada do gran a moa. Tamén
o retablo da capela, que provén do mosteiro de Oseira, e que garda gran
semellanza cos que alí se conservan, e por último, a fervenza da Freixa,
no lugar da Graña, entre os restos da hidroeléctrica e o encoro.

<Ver máis fotos>