Igrexa de Millerada. (Foto: Manuel Cerdeira)Millerada é a parroquia máis extensa de todo o concello de Forcarei. Nela aparecen importantes obras de cada unha das diversas culturas da nosa historia.

O Castro das Rodeiras, no lugar de Garellas, (onde aínda se conservan as defensas de terra e pedra, e no que apareceron restos das primitivas vivendas) e o Castro da Mouteira (con foxo e parapeto) son as máis importantes da Historia Antiga.

A igrexa parroquial, unha das máis fermosas de toda a bisbarra, garda no seu interior un retablo barroco do século XVIII, con imaxes de moito mérito. No cemiterio que a circunda aparece unha escultura do corazón de María entre columnas salomónicas, obra do canteiro da Terra, Manuel Doval Cadavid.Escultura do Corazón de María obra do escultor Manuel Doval Cadavid, que se encontra no cemiterio de Millerada.  (Foto: Guía Turística)

Por último, salientaremos o pazo de Hermosende, de arquitectura señorial, onde naceu o derradeiro dos Xuíces-Meriños e primeiro alcalde de Forcarei, Don Alonso de Soto Cortés, e onde se gardou unha das poucas reliquias documentais que se salvaron da biblioteca do Mosteiro, O "Tumbo Grande", hoxe depositado no mosteiro de Oseira.

Nesta parroquia tópase a aldea abandoada de Grovas, encravada cerca dunha gorxa do río do mesmo nome, nas beiras da serra de Candán. Esta é unha das paisaxes máis evocadoras e tranquilas da Terra de Montes.

Modificada por derradeira vez o 16/01/2006
(C)  Manuel Cerdeira Taboada
webmaster@terrademontes.com