A parroquia de Santa María Madalena ten o seu núcleo principal de poboación en Soutelo de Montes, onde hoxe está tamén situada a nova igrexa, construída nos anos sesenta polo arquitecto Soutelán Alfredo Fdez. Barros, e que está dedicada á santa que lle dá nome; sen embargo, foi a aldea da Madalena, onde tivo a súa orixe, e onde estivo ata hai poucos anos a igrexa vella, derrubada despois da construcción da actual, polos anos sesenta. Esta igrexa, do século 17, era xa o resultado da reconstrucción doutra medieval, da que se conservan algúns restos encaixados nas casas da aldea.Torre da igrexa parroquial da Madalena, En Soutelo de Montes.  (Foto: Manuel Cerdeira)

Nos arredores de Soutelo e a Madalena están outras aldeas de certa importancia en canto a poboación: Sanguñedo (Onde se atopa un Castro de tamaño considerable e forma elíptica con fortificacións anexas datado polo ano 400 AC.), Vilapouca (Antes pertencente á freguesía de Ventoxo e hoxe case formando unha soa unidade con Soutelo), e os cinco lugares de Trasdomonte que aparecen noutra páxina.

Nesta parroquia apareceron restos dunha necrópole no lugar coñecido como Braña dos mouros, e mais no camiño que vai da Madalena a Trasdomonte, á beira do río que vai dar ó Lérez. Alí aínda se poden ver tamén muros en pé do lugar chamado de Silvaescura, onde traballaba o escribán que dou fé do documento que aparece noutra destas páxinas, que recolle as relacións existentes entre o Convento de Aciveiro e os labregos. No museo de Pontevedra aínda se poden ver dous urceolos da época romana, un deles coa inscripción AQUILI DLT achados no castro de Sanguñedo e que constituen a mostra de escrutura máis vella de toda a comarca da Terra de Montes.

A parroquia conta tamén coa ermida de Trasdomonte, de recente construcción, que se levantou no lugar doutra de primeiros do século 19, no lugar dos Codesás. Moito antes xa houbera outra no lugar de San Xusto, abandoada cando se levantou esta e completamente destruida polos anos trinta do pasado século.

A festa da patrona celébrase, como en todo o mundo, o día 22 de Xullo, na aldea da Madanela, pero tamén hai festas en Soutelo (San Roque e a Virxen do Carme os días 16 e 17 de Agosto) e en Trasdomonte (Sta Lucía, o 13 de decembro e Sto. Cristo, o domingo de antroido). Máis recentemente celébrase a finais de agosto en Soutelo a Festa do Gaiteiro na honra dos Gaiteiros de Soutelo

Modificada por derradeira vez o 16/01/2006
(C)  Manuel Cerdeira Taboada
webmaster@terrademontes.com