
|

Forcarei é o concello máis
grande, tanto en extensión como en poboación, da Terra de Montes. Ocupa unha
superficie de 167,7 Km cuadrados, cunha altitude media
de 625 metros sobre o
nivel do mar e uns 5301 habitantes no ano 1996, que pasan a ser menos de 5.000
tras do novo censo do ano 2.002.
O Concello está dividido
en trece parroquias con dous núcleos de influencia, o da propia capital (Forcarei),
coas parroquias de Aciveiro, Castrelo,
Dúas
Igrexas, Meavía, San Pedro de
Quintillán e Pereira,
e o de Soutelo de
Montes, coas parroquias de A
Madalena, Pardesoa, Millerada,
San
Miguel e Sta.
Mariña de Presqueiras e Ventoxo.
A poboación da vila de Forcarei
é de 436 habitantes, mentres que a de Soutelo
e practicamente a mesma (448 h.). En ambos os dous casos, dáse a circunstancia
de que o seu comercio, servicios, etc. corresponden a vilas moito máis grandes.
Esto é común en Galicia, xa que a súa área de influencia chega a moitas
aldeas veciñas, con entidade propia, pero con servicios moi escasos.
No concello de Forcarei
nacen os ríos Lérez e Umia, aínda que parte das súas augas van cara outro
dos ríos importantes de Galicia, o Ulla. Ten unha orografía moi montañosa,
con cumes por encima dos 1000 metros como San Benito (1.017) en Candán, Seixo
(1.014) no Cando ou Custoia (951) no Testeiro.
Limita cos concellos de
Lalín (pola parte oriental, nas serras antes citadas), Silleda, Cerdedo,
A Estrada, Beariz
e Irixo. A súa poboación, aparte de estar repartida en máis de cen aldeas,
descende e envellece dunha maneira importante. No ano 1925 fálase de máis de
9000 habitantes, nos anos sesenta de 8000, mentres que nos oitenta xa só eran
uns sete mil. Esto explícase debido a forte emigración cara a Europa e á
capital da provincia, e á corrección dos censos nos últimos anos, que
deixaron de recoller a moitos emigrantes que levaban décadas vivindo na América.
Esta misma emigración da xente nova produce unha alarmante carencia de nenos e
un envellecemento ás veces difícil de crer. A aldea dos Codesás na
parte de Trasdomonte
ten unha idade media de 73 anos, nela vive unha soa parella nova, sin fillos, e
o último neno en idade escolar xa é profesor licenciado nun instituto de Vigo
hai varios anos. Outras aldeas fican despoboadas dez meses ó ano, nalgunhas
delas a persoa máis nova deixou atrás os 70 hai tempo.
A economía do
concello é típicamente rural galega, con leiras pequenas, que impiden a
mecanización da agricultura, e unha importante gandería, sobre todo vacas e
porcos. Esta gandería é máis de subsistencia ca outra cousa, e xunto coa
pequena agricultura apórtalles ós paisanos só unha parte do necesario para
vivir. A outra parte foi aportada dende sempre pola emigración, o mal endémico
da zona xunto coa frontal oposición da xente á concentración parcelaria, que
acabou desprovendo as aldeas de xente xove que quixese modernizar a maneira de
vida. Hoxe a emigración vaise acabando e son, dado a idade da xente, as pensións
do estado as que procuran a maior parte da entrada de cartos ós lugares.

Hai minas de estaño, non
esplotadas neste momento, pero que foron moi importantes na economía da
posguerra, cando nenos e vellos recollían este metal nas escombreiras e vendíano
como podían fora dos "cauces" legais, mestras os homes traballaban a
xornal na mina. Esta maneira de recoller o metal deu lugar a que moitos montes
teñan hoxe buratos e galerías descoñecidas que supoñen un perigo para o
gando e a xente.
Hoxe, un dos sectores que emprega máis persoas é a construcción, seguido
polos servicios, cada vez máis importantes, sobre todo o pequeno comercio e
algunhas iniciativas empresariais como a que recentemente está tendo lugar no
novo polígono industrial de Vilapouca, onde a empresa Vitrogal está construindo
unha nave que dará emprego a perto de cincoenta obreiros.
No Concello de Forcarei
áchanse importantes restos prehistóricos, en forma de petroglifos ( San
Miguel e
Sta
Mariña de Presqueiras), Dólmenes ou mámoas (Castrelo,
Aciveiro, Dúas
Igrexas) e tamén restos da cultura castrexa celta (Millerada,
Sanguiñedo, Loureiro, etc.).
Existen
paraxes certamente dignas de ser visitadas, como a Lagoa Sacra, na parroquia de Meavía,
xusto no linde co concello da Estrada, ou a aldea abandonada de grovas, que
aparece na imaxe. Pero sobre todo aparecen mostras do traballo máis recoñecido
dos seus poboadores: as obras en pedra. Consérvanse en bo estado pontes sobre o
río Lérez que son verdadeiras obras de arte (a de Gomaíl, a de Andón, et.) e
que merecen toda unha ruta para velas. Pero, sen ningunha dúbida, a máis
importante de todas elas é o mosteiro de Aciveiro,
que tanto supuxo po desenvolvemento de toda a bisbarra, e do que se fala en páxina
aparte.
<Ver
máis fotos>
|