O nome de
Cerdedo vén, segundo Millán González, da verba cerasetum (cerdeiras),
planta abundante en toda a zona. Aquí existen restos arqueolóxicos importantes
das culturas Castrexa (Castro de Castrodiz) e dos dólmenes ou mámoas.
Pero o máis sobranceiro do patrimonio son as importantes obras en pedra como
cruceiros, igrexas, calzadas e pontes, algunhas delas de orixe romana. Son
monumentos anónimos de mestres canteiros da zona, á que por tales obras deron
moita sona por todo Galicia.

Cerdedo é o
concello máis cercano ó mar dos tres que forman a Terra de Montes. Esto, xunto
cunha altura media moito máis pequena (360 m.) outórgalle un clima máis
benigno, que permite a colleita dalgunhas froitas que en terras máis altas non
poden ser plantadas.
Situado na parte
meridional da Dorsal Galega, ten un territorio disposto en anfiteatro cara ó
mar, cos seus maiores cumios no alto do Seixo (1024) e o outeiro do Couso. O
concello está formado polas parroquias de Quireza, Tomonde,
Castro, Figueroa, Pedre,
Parada, Folgoso e Cerdedo
É
percorrido dunha punta a outra polo Lérez, e paralelamente a el, po la estrada
N-541 que permite ó viaxeiro chegar ó mar en poucos minutos: mais, non só ó
mar, senón tamén á capital da provincia e a outras grandes vilas. É este un
dato que ten moita importancia, pois o veciño de Cerdedo pode vivir aquí e
traballar en Pontevedra, e de aí que non amose un envellecemento da poboación
tan importante coma o dos outros dous concellos. Non obstante, é o concello con
máis taxa de emigración. Tal é así que dende o ano 1991 ó 1996 a poboación
descendeu 1017 habitantes, dos cales 885 non corresponden ó movemento
vexetativo.
A capital, Cerdedo,
ten 463 habitantes, e o concello chegaba hasta os 2771 en 1996, nunha extensión
total de 80 Km cadrados.
Forma parte da Terra de
Montes dende os albores do cristianismo en Galicia, e sufriu, coma os outros
concellos, a obrigación do dezmo imposto por Alfonso X no ano 1255,
que arruinou aínda máis unhas terras xa de por si pobres por aquel tempo.
A economía de Cerdedo
está baseada na agricultura e a gandería. Millo, centeo, patacas, etc. son os
productos da terra, pero son os pastos, carballeiras e sobre todo os eucaliptos
os que lle dan cor á paisaxe. O leite é a fonte principal de ingresos e con él,
os porcos, as ovellas e algúns cabalos forman a gandería de Cerdedo.
Dous son os
persoeiros máis importantes nados no concellos de Cerdedo: Xosé Otero Espasandín
e Pedro de Monteagudo.

En Cerdedo
funciona unha escola municipal de Parapente, algo que casi estraña nunha terra
de vella tradición como é esta. Ten a súa base no alto do Seixo, dende o que
se divisa unha paisaxe realmente importante.
Outra das súas
paisaxes características son os hórreos. Moi coñecidos son os de Filgueira, Cerdedo
e Pedre, lugar este último onde tamén se pode admirar
unha ponte de arcos axivais, presidida por un interesante cruceiro e os muiños
adxacentes, que forman un fermoso conxunto en perigo de ser engulido polo encoro
de Dorna. Outros importantes monumentos son: a igrexa de Santo
Tomé de Quireza; a de Tomonde, de estilo románico;
a de Pedre, situada nun entorno artístico de pedra, e que data do século XVII,
e a ponte do Santo Antón, románica do século XIII
Ten
importancia as festas do Ecce Hommo e as do San Xoan e San Pedro na capital do
concello.
No lugar de
Sabucedo, nos lindes co concello da Estrada, pero considerada como propia, celébrase
a rapa das bestas, verdadeira mostra de
romaría popular mesturada de relixión. Nesta celebración os cabalos do santo
son encerrados no curro e cortadas as súas crins. Na sección "Visita
Virtual" pódese ollar unha guía máis completa desta festa.
<Ver máis fotos>