Torre da igrexa de Sta María de Bearíz, obra de Cerviño.  (Foto: Manuel Cerdeira)

A Parroquia de Sta María de Beariz é a máis importante do concello en canto a poboación. Está formada polos lugares de Albite, Muradás, O Candedo, A Forxa, Magros, A Bouza, Garfian e Beariz. A capital ten nestes momentos 513 habitantes.

O monumento máis importante é a igrexa parroquial de Sta María, que data do século XVII, cun retablo barroco do XVII. É unha obra extraordinaria, perxudicada po la situación dentro da parte vella da vila, entre as casas, o que dificulta a súa vista. A torre, que se pode admirar na fotografía da dereita, data do século XIX e foi erguida po lo mestre canteiro Cerviño, natural de Augas Antas, e que é autor tamén de obras tan coñecidas como o cruceiro de Ío e moitos outros na bisbarra. Esta torre coroa unha igrexa de ábside cadrado e bóveda con arcos de medio punto e figuras dos apóstolos no seu remate.

En Muradás, a carón mesmo de Beariz hai, un fermoso parque con un monumento dedicado os emigrantes, obra do escultor ourensán Xosé Cid. Tamén aquí se atopa a capela de San Pedro, mentras que en Magros hai outra dedicada a San Xoán.

Pobo Semi-abandoado de Albite. (Foto: Xesús A. Gulías Lamas)

Na parroquia apareceron mámoas en Albite, Candedo e en Val de Lodeiro, case todas moi mal conservadas. Tamén se conservan castros en Garfián e Magros, este último bastante ben conservado.

Nesta parroquia celébrase o día 15 de Agosto a festa da Virxe Nosa Señora, quizais, xunto co Sto. Domingo de Xirazga, a romaría máis importante do concello, pero tamén o San Antón (13 de xuño), San Xoán (24 de xuño en Magros), San Pedro (En Agosto en Muradás, Albite e Candeo) e o San Martiño.

 

Modificada por derradeira vez o 16/01/2006
(C)  Manuel Cerdeira Taboada
webmaster@terrademontes.com