Situada nas beiras da
serra de Candán, aínda que non ten grandes núcleos de poboación, Santa María
de Aciveiro é seguramente a parroquia máis representativa da Terra de Montes.
A máis rica en manifestacións artísticas, tanto na prehistoria (Mámoas de
Porto Fieiro, Monte Olleiros, Porto Tixoa, A Lagoa e Campo da Serra), como na
historia máis recente (O Mosteiro, berce de toda a vida comercial, agrícola e
artística da bisbarra dende o século XII ata o XIX).

Deste Mosteiro, de estilo
románico, consérvase a igrexia monacal, hoxe igrexa parroquial, coas súas
tres naves, unha principal e dúas laterais que albergan capelas dedicadas a San
Bernardo e San Bieito, e un retablo de cargada decoración obra de Miguel de
Romay (O mesmo que realizou o de San Martín Pinario). O resto do conxunto,
composto por unha planta cadrángular rodeada polas diversas estancias (apousentos,
biblioteca, cociñas, hospedería, sala capitular, etc.) está en fase de
restauración, convertido en hospedería e serve de sede a escola de canteiros da bisbarra.
Aparte desta obra, que
sen dúbida é a máis importante, hai outras ó longo da parroquia que dan un
conxunto digno de verse: os hórreos á beira das casas de labranza, destacando
un deles no lugar de Cotiño, que perteneceu o mestre canteiro Manuel López
Barciela; Os cruceiros, entre os que sobresae o do mosteiro, realizado por Xosé
Ferreiro, o mesmo que fixo o da praza da igrexa de Forcarei.
Tamén son de salientar os restos dunha capela existente no alto do monte de
Candán, que fora edificada po los monxes benedictinos no século XII,
probablemente encima dos restos dunha antiga ara romana dedicada a Xupiter
Candamio, de onde procedería o nome da serra.
No lugar de Andón tópase
unha das máis fermosas e lendarias pontes sobre o Lérez: a ponte vella de Andón,
que se mostra noutra destas páxinas.
Nesta páxina pódense
ollar distintas vistas do mosteiro. Unha primeira xeral, no seu estado actual. A
segunda corresponde á fachada da igrexa monacal, hoxe parroquial, que garda no
seu interior un retablo de gran beleza, como se pode apreciar na fotografía que
aparece ó lado.
Desde hai poucos anos
funciona no que foron as dependencias do mosteiro, a "Hospedería San
Gonzalo das Penas" como un "Hostal-Monumento" con tres estrelas
de categoría. Este establecemento, xunto coa mellora da estrada entre Lalín e
Cachafeiro que se está a levar a cabo, fan de Aciveiro un destiño de primeiro
nivel para reunións de negocios e pequenos congresos.
<Ver
máis fotografías>